Sítio na rede para denunciar o projecto de urbanizaçom que pretende borrar do mapa umha das poucas fragas de espécies autóctonas que há em Ferrol
correio-e: menancaro@gmail.com

domingo, agosto 23, 2009

Menáncaro

Por Yolanda Díaz
22.08.2009

Menáncaro non ten quen lle escriba. E a escritura é a maneira adecuada de amosar interese real en salvagardar a súa fraga, a fraga de todos nós. Na escritura atópase a chave da protección de Menáncaro. As verbas voan e os papeis aprobados permanecen. Mais semella que ninguén do Goberno Municipal sabe escribirlle a Menáncaro o que é de xustiza. Levamos xa consumido a metade do actual mandato municipal sen que os responsables de urbanismo e o alcalde elaboren o escrito xusto e necesario; escrito que debe contemplar a modificación puntual do plan para deste xeito impedir definitivamente que se poida especular e facer negocio contra o valor desa fraga. A elección é ben simple, ou cementar para beneficio duns poucos, ou pola contra apostar pola conservación da carballeira, dos ameneiros, do prado húmido, todo en beneficio da colectividade. Elección que non debería suscitar dúbidas no Goberno Municipal, que nembargantes vai deixando morrer o tempo, alongando o impasse sobre o espazo. Esquerda Unida segue a facer de Menáncaro unha esixencia indeclinable, ao punto de incorporar este compromiso no acordo asinado para apoiar os orzamentos de 2009. Por isto reclamamos do Goberno que sexa dilixente e cumpridor, que deixe de amolar con desculpas e que elabore xa a modificación puntual do plan, proceso que non necesita máis de tres meses, e que neste outono as árbores celebren a cerimonia da natureza protexidas polas letras da cidade.

Yolanda Díaz é voceira do grupo municipal de EU

Publicado no Diario de Ferrol
__________________________

Nenhum comentário: